O GRUPO
CONCERTOS
MYSPACE
FACEBOOK
MATERIAL
DESCARGAS
LETRAS
CONTACTO






25 DE XULLO, DÍA DA PATRIA GALEGA


Manifesto Día da Patria 2009

Reproducimos o manifesto de Causa Galiza con motivo do Día da Patria 2009


Amigas e amigos,

compañeiras e compañeiros vidos de toda a Galiza e do exterior, presentes e ausentes,

delegacións internacionais que nos acompañades:

Celebramos hoxe a xornada en que reivindicamos o noso dereito de autodeterminación e reafirmamos a vontade de constituírmos o noso propio Estado: unha República Galega.

No actual contexto de crise capitalista, tales reivindicacións son máis necesarias do que nunca: a crise deteriora as nosas condicións de vida e traballo e agudiza os peores efectos da histórica dependencia de España, como o desemprego estrutural, a precariedade ou o empobrecemento de importantes sectores do pobo traballador. Madrid e Bruxelas pretenden sumar a esta condición de viveiro de man de obra barata e fonte de recursos minerais e enerxéticos, a turistificación da economía nacional, mentres relanzan o asalto ao territorio que arrasa costas, vales, ríos e montes en aras do beneficio privado e planifican desde institucións alleas a liquidación da nosa lingua e identidade.

A nivel institucional, após catro anos de goberno bipartito PSOE-BNG, a dereita máis conservadora recuperou o goberno da Xunta. Isto foi posíbel, entre diversos factores, pola aplicación continuísta por parte do PSOE e do BNG de semellantes políticas aplicadas polo fraguismo. Catro anos perdidos na construción nacional de Galiza e na mellora das condicións de vida do noso pobo.

A situación é difícil e alterna episodios de loita exemplar, como a do proletariado do Metal, coa agudización da represión e o control social e a extensión do malestar psicosocial. É imprescindíbel, pois, tomarmos medidas resolutivas. A curto prazo, a convocatoria dunha Folga Xeral Nacional e a coordinación d@s independentistas para facermos fronte con radicalidade á administración que preside Alberto Núñez Feijóo. A medio, organizándonos para as batallas que se anuncian e avanzando a paso firme no camiño da autodeterminación e a soberanía.

Autodeterminación e soberanía son a chave que abre a porta a un futuro distinto do que se perfila no horizonte; son a única alternativa política real neste país. A vía estatutista, a vía do contrato con España, é unha fraude esgotada que apenas foi útil para adormecer conciencias e facilitar que os nosos inimigos históricos avancen no espolio e a destrución de Galiza. A auténtica democracia e a dignidade virán da loita que nos leve a un escenario de autodeterminación, soberanía e independencia.

Con todo, compañeir@s, chamar un pobo á loita é moito máis que lanzar unha proclama. Chamar un pobo á loita, cando tantas vontades están feridas por escepticismos e impotencias, é sobre todo asumir responsabilidades: a responsabilidade de forxarmos ferramentas organizativas lexítimas e duradeiras; de cohesionarmos as forzas disponíbeis so estratexias concretas de intervención e, por riba de todo, de gañarmos con feitos os corazóns e a credibilidade de millares de independentistas e do conxunto do pobo traballador galego.

É evidente que os axentes políticos e sociais e as persoas que vertebramos Causa Galiza non conseguimos materializar nestes dous anos as expectativas creadas no 2007 e desactivar os factores que desaceleran desde dentro a loita soberanista, imposibilitando logros hoxe posíbeis. Estas eivas impediron que Causa Galiza estivese á altura do agardado e da necesidade de edificarmos espazos de convivencia e loita sobre os que erguer proxectos máis ambiciosos no futuro.

Recuperarmos o rumbo orixinal e a ilusión é, polo tanto, o reto urxente. Pretendemos ser a ferramenta que permita a organizacións, movementos sociais e militantes traballar cóbado con cóbado, desde a esquerda, pola soberanía. Queremos construír a alianza que estenda a reivindicación da autodeterminación a todo o país e, desde o traballo de base, desde a acción diaria, cree condicións favorábeis para avanzarmos na loita independentista. Neste Día da Patria convidamos quen, día após día, sustentades desde a militancia e o esforzo anónimos o combate pola soberanía, a fortalecerdes esta ferramenta. É necesario, é urxente e danse as condicións necesarias. A loita pola autodeterminación precisa de todas e todos nós.

Compañeir@s, mans á obra,!

Viva a loita por unha Galiza ceibe!

Viva Causa Galiza!

Galiza, 25 de Xullo do 2009




Ver todas as noticias da páxina
ecoestadistica.com




Web feita nunha resolución de 1280x1024 - - mencervermello@yahoo.com