O noso primeiro CD titúlase КРАСНЫЙ РАССВЕТ, é dicir, Mencer Vermello en ruso, e claro, preguntarédesvos, por que en ruso? Pareceunos interesante pola sinxela razón de facerlle un chisco a unha parte do mundo que iluminou durante décadas o pensamento e a dirección do movemento comunista internacional. É a nosa modesta homenaxe ao primeiro Estado Socialista da Historia: a Unión Soviética.
Incluímos dez temas cargados de rabia, forza e contundencia seguindo o noso propio estilo: temas rápidos combinados con temas a medio tempo cunha boa melodía e unha potente agresividade nas voces. Un bo son e un bo reflexo do que facemos en directo, nin máis nin menos.
A continuación facémosvos un pequeno comentario sobre os temas que gravamos nos estudos Treboada (A Coruña):
01-Contrarrevolucións de veludo: Canción que fala sobre os acontecementos que precederon á “caída” do muro contra o fascismo, e a posterior desintegración da URSS e o bloque socialista, da colaboración da calaña revisionista na sabotaxe permanente ao servizo do imperialismo e da reacción mundial. 02-Semente de Vencer: A loita do pobo galego, co proletariado á fronte, pola independencia nacional e o socialismo. Pola ruptura deste cárcere de pobos que é o estado imperialista español, por unha República Popular Socialista Galega. 03-Golpe Final: Nestes tempos é necesario recordar unha vez máis a quen deu a cara contra o fascismo, a quen o combateu a vida ou morte, a millóns de asasinados que viron por fin cumprida a súa vinganza coa derrota e capitulación de Berlín, coa morte covarde de Hitler que preferiu suicidarse antes que enfrontarse aos pelotóns de fusilamento soviéticos ou de sufrir o mesmo destino que o do seu antigo camarada Mussolini, colgado polos pés e exhibido ante o pobo. 04-Ollo por ollo: A loita é o único camiño posible para a clase traballadora e os pobos oprimidos, avivemo-las barricadas, devolvamos tódolos golpes. 05-Soldados da Historia: Homenaxe á heroica guerrilla antifascista. As mulleres e homes que loitaron e entregaron o seu sangue, sempre serán recordados. 06-Samesugas: Simplemente unha declaración de guerra contra os explotadores, contra a burguesía, contra os inimigos do pobo. 07-Non nos iremos: Baseado nun poema do palestino Tawfig Az-Zayad. O título o di todo: un pobo que non se resigna ao exterminio, un pobo que loita con tódolos medios ao seu alcance por acada-la súa liberdade. 08-Guerra de clases: O noso primeiro tema, a nosa primeira letra, a sabia elección dun único camiño: Rock Proletario, marxismo-leninismo… ou morte. 09-Fillos da suor: O orgullo de pertencer a unha clase: o proletariado. Reflexo das nosas penalidades baixo o capitalismo e as nosas ilusións de vivir nunha sociedade sen clases, sen oprimidos nin explotados, sen opresores nin explotadores. 10-Stalingrado: Existen vitorias que xamais nos poderán ser arrebatadas. O fascismo sentirá pánico tan só ao oí-lo nome de Stalingrado, a primeira gran vitoria, logo virían outras moitas. Simplemente un himno, unha canción homenaxe á gran cidade vermella.
Editado e distribuido por Mai Morirem e Redstar73.
|