|
|
MONCHO REBOIRAS
|
| |
O 12 de agosto de 1975 en Ferrol segábase dun xeito noxento e tráxico a vida dun mozo nacionalista que arelaba unha Galiza ceibe das gazoupas do franquismo. Moncho Reboiras Noia foi asasinado pola policía no numero 27 da rúa da Terra, despois de percorrer máis de 250 metros por tellados e rúas procurando fuxir do cerco sobre a casa na que vivía. Ao día seguinte dicía un veciño ás preguntas dun xornalista “ouvin tres rafagas de metralleta sobre as tres e cuarto da mañá...”.
Reboiras tivo un papel salientábel nos primeiros pasos do que se chamou a Fronte Obreira da Unión do Povo Galego e deulle pulo en distintos pontos de Galiza ás “Unións de Traballadores” (os xérmolos sindicais). Era unha persoa animosa, traballador infatigábel, que puña toda a súa vida a disposición do traballo político e social. Nunha publicación realizada co gallo do 2º aniversario da súa morte dicíase:
“Moncho foi un rapaz, como tantos outros do noso povo, que na loita cotián sempre firme, foise entregando intensamente á tarefa de afundirse cada día máis coas masas, de estender o marxismo-leninismo como única posibilidade de entender a Revolución Galega e de derrotar ao imperialismo colonialista e de ir construíndo os instrumentos políticos necesarios pra levar adiante a Liberación Nacional e Social de Galiza e a conquista do socialismo...”.
 E engade, agora xa sobre a persoalidade de Moncho.
“Xosé Ramón Reboiras Noia naceu o 19 de xaneiro de 1950 en Imo, concello de Dodro nunha familia labrega que como tantas outras da nosa Patria tivo que se trasladar á cidade en percura de mellores condicións de vida. En Vigo e mentres o pai traballaba embarcado, Moncho estudaba bacharelato e atendía o bar que a súa familia puxera cos seus aforros, cun breve período de traballo como pinche na construcción cando tiña 15 anos...”. Titularíase na Escola de Enxeñería Técnica. Fai un cursiño de especialización en Barreras, onde perde a beca pola súa participación nos sucesos de 1972, e posteriormente traballa nunha auxiliar en Astano, en Ferrol, e en Intelsa na Coruña.
A primeira reunión da Fronte Obreira da UPG faríase na primaveira de 1973 en Ponte Vea, na estrada que une Santiago de Compostela e a vila de A Estrada. Participaron menos dunha ducia de persoas, a maioría de Vigo (varios da Citroën) e de A Coruña. Entre estes últimos o mesmo Reboiras que daquela vivía e traballaba en A Coruña como electricista.
A Fronte Obreira fora engrosada a aquela altura coa integración na UPG de Galicia Socialista, unha organización política con base principalmente entre os traballadores da Citroën en Vigo, e con algúns cadros de Organización Obreira, unha escisión do Partido Comunista. Aínda que a maioría destes últimos, fuxidos e algún detido despois da represión da folga xeral de setembro de 1972 en Vigo, incorporaríanse nos anos 1974 e 1975 a medida que foron saíndo de prisión (como Anxo García Méndez) ou retornando do exilio.
Estes “xermolos” colleron distintos nomes, segundo o boletín que lles servía para darse a coñecer, como: Adiante en Vigo, Xerme en Coruña, Obradoiro en Compostela, etc. No ano 1975 darían lugar ao nacemento da Unión de Traballadores do Ensino de Galiza (UTEG) e ao Sindicato Obreiro Galego.
Andando o tempo, e servindo esta estructura como eixo do nacente sindicalismo galego chegariamos ao que hoxe é a Confederación Intersindical Galega. Nesta angueira houbo integracións, unificacións e fusións. En 1977 fundouse a Intersindical Nacional Galega (ING), en 1980 a unificación coa Central de Traballadores Galegos (CTG) daría orixe á Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (INTG), en 1982 a fusión coa Confederación Sindical Galega (CSG) consolidaría definitivamente ao sindicalismo nacionalista. A esta converxencia de forzas e arelas, nas que cada sindicato aportou militancia e experiencia, sumáronse varios sindicatos de sector: transporte, hostalería, sanidade, alimentación...
A seguinte é unha estrofa dun poema adicado a este mozo, nacionalista exemplar, militante sobranceiro.
Onte foi Vigo, Compostela e o Ferrol, ferro, libro e martelo, estudantes e obreiros, a forza liberadora de tanta porcallada, de tanto irracionalismo de tanto medo que nos deron unha espranza azul e limpa como o seu ollar, como as súas maus traballadoras das que naceu a palabra galega e popular que aínda sementa liberdade nos camiños.
Artigo extraído de GalizaCig do 2002
|
|
|
|
|
|
Ver todas as noticias da páxina
|
Web feita nunha resolución de 1280x1024 - - mencervermello@yahoo.com
|